Saltar ao contido

Reforma monetaria de Augusto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O emperador romano Augusto (27 a. de C. - 14 d. de C.)

A reforma monetaria de Augusto, levada a cabo por este emperador romano entre o 23 e o 20 a. de C., foi unha das máis importantes reorganizacións do sistema monetario da Antiga Roma, que fixaba as equivalencias entre as unidades de ouro (áureo), de prata (denario) e de oricalco (sestercio), e que permaneceu vixente case sen alteracións durante as dúas centurias seguintes.[1][2][3][4]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]
Áureo de Augusto da ceca de Lugdunum

Logo da batalla de Accio, Octaviano logrou en 30 a. de C. a anexión de Exipto, completando así a unificación de toda a conca mediterránea baixo o poder de Roma. Á parte da evidente significación política deste feito, os importantes botíns que a Roma lle reportaba esta nova provincia, xunto coa rica minaría de Hispania, chegaron a provocar un exceso de masa monetaria en circulación.[5][6]

No marco dunha ampla reorganización de todos os sectores da Res publica romana para os acomodar á nova situación socio-económica, caracterizada polo renacemento da economía e do comercio en toda a área mediterránea e en todo o Imperio, cumpría tamén dotarse de novos instrumentos financeiros e monetarios, que se plasmaron nunha reforma monetaria baseada na fixación dunha equivalencia da moeda de ouro, o áureo (1/42 da libra), con 25 denarios de prata e 100 sestercios de oricalco.[7][8][9][10]

Caracterización da reforma

[editar | editar a fonte]
Denario de Augusto da ceca de Roma

Novidades respecto ao sistema anterior

[editar | editar a fonte]

As novidades principais foron as seguintes:

  • Fin das emisións de emerxencia realizadas en cecas móbiles que se ían trasladando en función das campañas militares, como ocorría frecuentemente, particularmente no período da guerra civil.
  • A restauración do peso do denario, que, malia manterse como moeda de referencia, diminuíra seriamente durante as guerras civís.
  • Renacemento das emisións subsidiarias doutras moedas como os cuadrantes, os ases e os dupondios, que practicamente chegaran a desaparecer da circulación durante os anos anteriores.
  • A substitución do antigo sestercio de prata, pouco útil polo seu ínfimo tamaño, por outro de oricalco de gran tamaño (arredor de 27 gramos), moi axeitado ademais para a difusión da propaganda augústea.
Sestercio de Augusto da ceca de Roma

Denominacións e pesos das moedas

[editar | editar a fonte]
Ás de Augusto da ceca de Roma

A reforma "cuadrimetálica" de Augusto garantía unha produción de moeda máis estable e máis aberta ás novas rutas comerciais, grazas en parte ao aumento progresivo da cantidade de moedas feitas en aliaxes de cobre.[5][15]

En ouro cuñouse o áureo e o quinario, este último coa metade de valor e que ata a data fora cuñado só esporadicamente; en prata emitíronse denarios, que se converteron na base do sistema monetario durante toda a duración do Imperio, e tamén quinarios, coa metade do seu valor; os sestercios e os dupondios cuñáronnse en oricalco, unha aliaxe de cobre, estaño e, ás veces, outros metais; e, finalmente, en cobre cuñáronse o ás, o semis e o cuadrante, que anteriormente se fabricaran en bronce.[16][17]

Cuadrante de Augusto da ceca de Roma

Nos áureos e nos denarios o contido de metal nobre era practicamente o 100 %, o que coñecemos tanto polas fontes clásicas como a partir das análises realizadas con metodoloxía moderna. O peso teórico do áureo de época augústea era de 1/42 libra (7,79 gramos) e mesmo se chegaba a pesos superiores en moedas reais (7,86-7,98 gr), en tanto que o do denario era de 1/84 libra (3,892 gr).[15][18]

A reforma de Augusto tamén se caracterizou pola aparición do oricalco, que fixo do sestercio, cun peso dunha onza (en torno aos 27 gr) a moeda máis importante das cuñadas en aliaxes de cobre. Con esa mesma aliaxe cuñáronse tamén os dupondios, cun peso de media onza (13,65 gr).[18][19]

Entre as moedas de cobre, o peso do ás era duns 10,90 gr e o dos cuadrantes de arredor de 3,24 gr.[18][15]

Equivalencia entre valores

[editar | editar a fonte]

As novas referencias ponderais proporcionaron un sistema moi preciso e rigoroso de proporcións entre as diversas denominacións, sobre a base dun áureo de 25 denarios, e un denario de 16 ases ou catro sestercios.[18][20]

Valores da reforma de Octavio Augusto
Áureo Quinario (AU) Denario Quinario (AG) Sestercio Dupondio Ás Semis cuadrante
Áureo 1 2 25 50 100 200 400 800 1600
Quinario áureo 1/2 1 12  1/2 25 50 100 200 400 800
Denario 1/25 2/25 1 2 4 8 16 32 64
Quinario de prata 1/50 1/25 1/2 1 2 4 8 16 32
Sestercio 1/100 1/50 1/4 1/2 1 2 4 8 16
Dupondio 1/200 1/100 1/8 1/4 1/2 1 2 4 8
Ás 1/400 1/200 1/16 1/8 1/4 1/2 1 2 4
Semis 1/800 1/400 1/32 1/16 1/8 1/4 1/2 1 2
Cuadrante 1/1600 1/800 1/64 1/32 1/16 1/8 1/4 1/2 1
  1. "La riforma di Augusto". En Lamoneta.it.
  2. Zehnacker, Hubert. "Aperçus de numismatique romaine (III)". En Vita Latina. N° 129. 1993. Páxina 3.
  3. Depeyrot (2006). Páxina 33.
  4. "Sistema monetario romano: reforma de Augusto Arquivado 24 de outubro de 2016 en Wayback Machine.". En Edouardlouvet: Monedas Romanas.
  5. 5,0 5,1 Belloni, G. G. (2004). Páxina 115.
  6. Suetonio. De vita Caesarum (Augusto, 41)
  7. Wasson, D. L. "Reforms of Augustus". En Ancient History Encyclopedia.
  8. Cartwright, M. "Roman Coinage: Coins of the Emperor". En Ancient History Encyclopedia.
  9. "Augustus and Currency Arquivado 13 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Barbarism and Civilization.
  10. Domínguez Arranz, A. (2014). "Augusto y el dinero del Imperio". En Fatás Cabeza, G. (ed.). César Augusto (63 a. C. - 14 d. C.) dos mil años de presencia. Heraldo de Aragón, Zaragoza. ISBN 978-84-7610-147-6
  11. Belloni, G. G. (2004). Páxina 116.
  12. Estrabón. Xeografía. IV, 3.2.
  13. Savio, A. (2001). Páxina 152.
  14. K. Pink. (1952). The triumviri monetales and the structure of the coinage of the Roman Republic". Numismatic Studies. Vol VII. American Numismatic Society. Nova York.
  15. 15,0 15,1 15,2 Savio, A. (2001). Páxina 153, 155, 157.
  16. Crawford, Michael (1985). Páxinas 257-258, 260.
  17. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Áureo", "denario", "sestercio", "ás", "cuadrante", "dupondio" e "semis".
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Belloni, G. G. (2004). Páxina 255, 256.
  19. Savio, A. (2001). Páxina 157.
  20. "La reforma del sistema monetario durante el principado de Augusto. Primera parte". En Monedas Antiguas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Fontes primarias

[editar | editar a fonte]

Fontes historiográficas modernas

[editar | editar a fonte]